Os catro bolseiros do Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra continuarán seis meses máis no Concello de Ponteareas

Caritina Philippon, José Manuel Cuñarro, Lorena Bernárdez e Manuel Piñeiro levan a cabo as súas funcións nos departamentos de Urbanismo, Vías e Obras, en Intervención e Tesourería, no gabinete psipedagóxico de ASPRODICO, e en Comunicación, respectivamente

Os bolseiros levaron a cabo as tarefas nas súas áreas específicas durante 6 meses, desde maio, e agora acadaron a prórroga para os seguintes seis meses, até o peche de abril. A Deputación de Pontevedra asume a súa completa retribución dentro do Plan de Práctica Laboral no que outorgaron 200 bolsas a candidatos entre diferentes municipios da provincia.

 O Concello de Ponteareas, por unha beira, abre as súas portas a unha oportunidade laboral para os mozos e mozas e mais, por outra, o Concello completa o seu cadro de persoal nestes departamentos.

 A arquitecta Caritina Philippon, bolseira na Oficina Técnica, entende que o transcurso dos diferentes traballos reforzaron as súas habilidades para investigar, formular e desenvolver os proxectos que contribúen á solución de problemas no eido do urbanismo. Salienta, ademais, o apoio, colaboración e supervisión do resto de membros do equipo da oficina técnica.

Desde o punto de vista do economista, e bolseiro en Intervención e Tesourería, José Manuel Cuñarro a mellora das habilidades comunicativas é patente xa que a atención o público é habitual e esixente no día a día municipal.  O coñecemento da administración pública e das normativas que rexen tanto para a función pública como para os cidadáns, tamén é un tema que destaca.

A pedagoga Lorena Bernárdez sinala que as prácticas permítenlle exercer a profesión para a que estudou nun perfil adecuado. Entende que amais de aprender, pode aplicar os coñecementos teóricos dos seus estudos. Nese aspecto, indica que é acertada a orientación das prácticas.

O xornalista, e bolseiro no ámbito da Comunicación, Manuel Piñeiro  indica que a comunicación política e institucional é transversal a moitas áreas, o que lle permite entender o seu oficio desde o respecto ao servizo público e ao dereito de información do cidadán.