Os cativos do Campus Tea visitan o taller da Confitería Regino

O campamento, que xa ten cubertas todas as prazas, atópase inmerso na segunda quincena, centrada na elaboración de alimentos

visita-campus-reginoOs nenos e as nenas inscritos na segunda quenda do Campus Tea 2015 tiveron a oportunidade de coñecer un pouco máis polo miúdo o funcionamento dun taller de rosquillas. Confitería Regino abriu as súas portas para lles ensinar o proceso de elaboración das mesmas e para que puideran experimentar con algunhas das máquinas máis tradicionais dunhas das empresas rosquilleiras máis senlleiras da vila de Ponteareas.

Durante esta segunda quincena do mes de xullo, os nenos teñen a oportunidade de descubrir diferentes procesos dos alimentos, tanto dos procesados como daqueles cunha orixe ecolóxica, grazas á realización de obradoiros de cociña e xogos variados para fomentar hábitos de vida saudables.

A xestión deste tipo de visitas correu a cargo da concellería de Ensino, xestionada por Cristina Fernández, quen sinalou “a importancia que ten para os pequenos o coñecemento das técnicas de cociña de comidas que despois ven servidas en diversos pratos na súa vida cotiá e, asemade, a toma de conciencia daquelas tradicións que marcan o carácter distintivo da vila de Ponteareas”.