Os Bolechas visitan Ponteareas da man das concellerías de Cultura e Benestar Social

As concellerías de Cultura e Benestar Social dirixidas por Hortensia Bautista e Verónica Carrera, respectivamente, convidan a todos os cativos e cativas de Ponteareas a desfrutar das actividades que os Bolechas ofrecerán na carpa da praza da Música.

En colaboración coa Deputación de Pontevedra, a exposición “Gatiños, Ghatiñas, Gatíos” estará dende o día 20 ao 30 de novembro instalada baixo unha carpa nesta céntrica praza enriba do auditorio municipal. Todas as tardes os e as que o desexen poden visitar a carpa para xogar coas actividades propostas.

As Concelleiras visitaron o CEIP Fermín Bouza Brey para presentar esta actividade e agasallarlle ao alumando de primeiro de primaria o conto “Os Bolechas visitan Ponteareas” que tamén será repartido entre alumnado de diferentes cursos.

Na visita aproveitaron para convidalos á inauguración que terá lugar o vindeiro día 20 ás 11:30 horas no auditorio municipal no que Os Bolechas sorprenderán ao alumnado coas súas divertidas ideas. O deputado provincial de Cultura Xosé Leal será o encargado da apertura desta actividade na que participarán centros educativos de distintos concellos da comarca do Condado. 

Os Bolechas convidan, a través de xogos, a gozar, participar e aprender as diferentes variedades dialécticas de Galicia. Fomentan a participación e a inmersión, é multisensorial, pedagóxica, divertida e colaborativa. Ten dende unha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e sons ata unha zona de audicións e gran karaoke!