Os alumnos do obradoiro colaborarán no deseño da cartelería do Concello e no Servizo de Atención de Axuda no Fogar

O alcalde, Xosé Represas, a primeira tenente de alcalde, Chus Garrote, a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, e o concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso, visitaron ao alumnado esta mañá

visita-obradoiro-1O obradoiro de emprego que se está a desenvolver no Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas dende o pasado mes de setembro entra na recta final da súa primeira fase, que ten a ver coa adquisición de coñecementos a través de diferentes clases teóricas.

A partir do vindeiro mes de novembro e de forma paulatina, os alumnos e as alumnas deste obradoiro comezarán coa parte práctica do programa. Trátase dun plan formativo dividido en dúas áreas: 10 alumnos cursan materias relacionadas coa atención socio sanitaria a domicilio e outros 10 alumnos adquiren competencias no eido do deseño de produtos gráficos.

Aquelas persoas integradas na especialidade de Deseño de Produtos Gráficos terán a oportunidade de ocuparse do deseño de carteis e dípticos que se utilizarán para promover eventos organizados dende diferentes concellerías. Neste senso, o alcalde, Xosé Represas, trasladoulles “o desexo por parte do consistorio de contar con eles para a elaboración dun folleto no que se reflicta o tipo de pincho que cada un dos hostaleiros participantes ofrecerán na Feira de Outono”.

Tanto Represas como o resto de concelleiros escoitaron as impresións dos alumnos e dos propios mestres, ademais de aproveitar para transmitir “a intención por parte do Concello de que o seu traballo poida ser utilizado nos vindeiros meses e anos, deseñando imaxes corporativas relacionadas con diferentes casas culturais e colectivos sociais do concello, sempre recoñecendo que a autoría deses deseños corresponde aos alumnos deste obradoiro”.visita-obradoiro-2

No tocante á especialidade de atención socio sanitaria, os alumnos comezarán a colaborar no Servizo Municipal de Axuda no Fogar a partir do vindeiro mes de decembro. Milagros Calviño, directora do obradoiro, lembrou “a alta porcentaxe de saída laboral que ten esta especialidade, a pesar do difícil momento que vive o mercado de traballo”.

Este obradoiro de emprego conta cun investimento de case 220.000 euros, asumidos conxuntamente pola Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas, e permite que 20 veciños e veciñas do concello se formen durante seis meses mentres gozan dunha asignación económica. Estas 20 persoas están contratadas polo propio consistorio a través de contratos de formación e cobran o salario mínimo interprofesional.

O rexedor municipal asegurou que “o goberno local traballará para que Ponteareas teña un obradoiro deste estilo cada ano, de xeito que poidamos aproveitar as excelentes instalacións que ofrece o Centro de Desenvolvemento Local para organizar este tipo de accións formativas”.