Os 13 alumnos que concluíron esta formación veñen de clausurar o curso en presenza do alcalde e da concelleira de Ensino
O curso de tapicería impartido no Centro de Desenvolvemento Local (CDL) dende o pasado mes de agosto vén de realizar o seu acto de clausura en presenza dos 13 alumnos que remataron a formación, do rexedor municipal, Xosé Represas, da concelleira de Ensino, Cristina Fernández, do director do CDL, Manuel Martínez, e do monitor do curso, Francisco Cabello.
Un total de 450 horas nas que os participantes, actualmente en situación de desemprego, tiveron a oportunidade de aprender conceptos teóricos relacionados coa elaboración de patróns, marcadas e cortes para obter diferentes pezas que compoñen o tapizado e o recheo de diferentes mobles. Estes mesmos coñecementos foron aplicados con posterioridade para desenvolver traballos de tapizado das cadeiras do conservatorio municipal, do propio CDL e mesmo dos tronos que os reis magos utilizarán no tradicional desfile de Nadal.
Os alumnos poderán asistir dende agora e até o vindeiro 26 de novembro a diversas sesións nas que serán informados sobre cuestións relativas á prevención de riscos laborais, inserción laboral e formación para a igualdade.
Tanto o alcalde, Xosé Represas, como a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, se interesaron polo grao de satisfacción dos alumnos co curso que veñen de finalizar e confirmaron “a disposición do Concello para axudalos en todo aquilo que sexa posible, desexando que esta formación sirva para o que realmente ten que servir, que non é outra cousa que posibilitar a vosa inserción no mercado de traballo”.