A OMIX de Ponteareas anuncia a apertura do prazo de inscrición para os campamentos da Campaña de Verán 2018

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Ponteareas, dependente da Concellería de Mocidade que dirixe a nacionalista Verónica Carrera, ven de anunciar que ata o vindeiro 18 de maio está aberto o prazo  para inscribirse nos Campamentos de Verán de 2018 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

A participación na oferta da Campaña de verán 2018 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous/dúas, tres ou catro irmáns/ás).

Os campamentos son unha forma diferente e divertida de pasar as vacacións estivais. As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas de entre oito e doce días de duración durante os meses de xullo e agosto. Podes escoller o campamento que queiras en función da túa idade e das actividades que se leven a cabo nel: actividades de diversa temática en función do campamento (náutica, deportiva, ambiental, artística, patrimonial vinculada ao o Camiño de Santiago, científica, agrícola…) Só tes que animarte a participar!

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 ( https://sede.xunta.gal/chave365).

No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

En canto as idades mínima e máxima para participar na Campaña de Verán 2018 compre destacar:

As persoas nacidas no ano 2000, non poderán cumprir os 18 anos antes da finalización do campamento.

As persoas nacidas no ano 2009 deberán ter cumpridos 9 anos no momento do inicio do campamento.

Ademais dos Campamentos, a Campaña de verán está composta por diferentes áreas de participación, ( Campos de traballo, Actividades de 18 a 30 anos, e Oferta Concertada ) que se desenvolven nos meses de xullo e agosto, tanto en Galicia coma noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

Para solicitar máis información os interesados poden dirixirse a Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ponteareas situada na Biblioteca Municipal da rúa A Perillana ou chamar ao teléfono 672 10 54 68