A Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ponteareas organiza un curso de cociña tradicional e saudable de balde

O obradoiro terá lugar no Centro de Desenvolvemento Local, en Ribadetea , os vindeiros días 18, 20,  e 22 de xullo en horario de 10:30 a 13:30  horas.

A OMIX, dependente da concellería de Mocidade, coordinada por Verónica Carrera, desenvolverá ao longo de varios días do mes de xullo un  curso de cociña tradicional e saudable.

A alimentación é unha necesidade vital das persoas, ademáis de incidir directamente no estado de saúde, dado que hai enfermidades directamente relacionadas co tipo de alimentación que fagamos (obesidade, hipercolesterolemia, diabetes ou ácido úrico, por exemplo). Por tanto, alimentarse dun xeito adecuado seguindo unha dieta sá e equilibrada, contribuirá moi directamente a gozar dun mellor estado xeral de saúde.

Por outra banda, ter nocións básicas de cociña permite ás persoas gozar de maior independencia, e no referente á mocidade, permítelles adquirir uns coñecementos que lles van facilitar o seu día a día no caso de ter que vivir de xeito independente, ou inclusive complementar a súa formación cara a un posible emprego.

As persoas que desexen participar nesta actividade deberán inscribirse na Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ponteareas, a través do enderezo electrónico: omix@ponteareas.es, ou chamando ao número de teléfono 672 105 468.