As obras de remodelación dos Xardíns da Xiralda que rodean a Casa do Concello de Ponteareas xa están en licitación.

Copia de xardíns da XiraldaAs obras de remodelación dos xardíns da Xiralda que rodean a casa do Casa do Concello de Ponteareas xa están en fase de licitación e comezarán neste ano 2014. Estas obras, subvencionadas pola Deputación Provincial de Pontevedra, dentro do “Plan de Obras e Servizos Provinciais”, do ano 2013, significarán un investimento de 218.151,29 euros, que se dedicarán a obras de remodelación, renovación integral dos parques de xogos, medidas de seguridade das instalacións infantís, así como a adecuación e embelecemento deste espazo de recreo tan importante para os veciños de Ponteareas.

Os traballos que se acometerán consistirán na retirada do material de terra da cobertura existente para a súa posterior nivelación e aporte final de capa de terra vexetal; limpeza dos muros perimetrais que rodean o recinto; renovación integral dos dous parques infantís con novos elementos, valados e un pavimento de losetas de caucho, evitando o encharcamento que se producía no inverno, e que garantirá a seguridade dos nenos en caso de caída e que ata o de agora era de area. Procederase tamén á substitución total do mobiliario urbano, como bancos, papeleiras e farois. Así mesmo dotarase de novos pavimentos de pedra granítica no perímetro da casa do concello, adoquinaranse os pasos de circulación peonil intermedia e procederase á plantación de céspede e ao novo axardinamento de todo xardín. Engadiráselle, ademais, un valor informativo e unha visión pedagóxica a través de paneis indicativos cos nomes das especies cos que conta este xardín emblemático de Ponteareas, con árbores centenarias, o máis coñecido e o máis céntrico, onde xeracións de ponteareáns gozaron da súa tranquilidade ao longo da historia. Completaranse as reformas coa execución dunha nova instalación eléctrica que se axuste á normativa actual e permita o uso de novas tecnoloxías de aforro enerxético, mediante a instalación de lámpadas Led, así como a instalación dun sistema de rego automático, que consumirá menos auga. Todas estas actuacións, tanto nos materiais empregados como nos sistemas elixidos garantirán unhas condicións de hixiene, saúde e protección do medio ambiente acorde co seu contorno.

A remodelación integral dos Xardíns da Xiralda, xunto coas obras acometidas de mellora e renovación noutros parques ou como a dotación do novo Parque urbano Forestal, actualmente en execución, vén significar a aposta do goberno local de Ponteareas por mellorar e ampliar os espazos públicos de ocio, recreo e esparcemento para o goce dos nenos e nenas e das súas familias.