As obras de construción do novo Parque urbano forestal de Ponteareas continúan a bo ritmo

parque urbano forestal1Continúan a bo ritmo as obras de construción do novo Parque urbano forestal de Ponteareas, situado na rúa Trobador Xoán García de Guillade, a escasos 400 metros do centro da vila e que vai ser un novo espazo verde de esparcemento para todos os veciños, cumprindo o proxecto que se encadra, segundo o alcalde, Salvador González Solla, na posta en valor de espazos destinados ao uso público para o recreo e ocio das veciñas e veciños do municipio, sendo esta parcela idónea para este fin, debido á súa proximidade ao centro e polo atractivo paisaxístico co que conta.

Estas obras están subvencionadas pola Deputación Provincial de Pontevedra, dentro do “Plan de Obras e Servizos Provinciais”, do ano 2013.

Este novo parque contará cunha superficie de 4234 m2 e aproveitarase a riqueza medioambiental actual e na que haberá zonas diferenciadas, unha máis urbanizada e transformada, destinada a xogos infantís e outra, que se manterá practicamente en estado natural, para que tanto grandes como pequenos poidan gozar dun ambiente natural dentro do propio casco urbano.