Obradoiros, contacontos, actividades de animación e concursos agardarán ao público na Feira do Libro de Ponteareas

Obradoiros, contacontos, actividades de animación e concursos agardarán ao público na Feira do Libro de PonteareasA Praza Maior acolle a quinta edición do 15 ao 18 de xullo. Regresa o certame ‘Remata o conto…’, co que se busca fomentar a escritura en galego

 

A Concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, ultima xa as actividades que complementarán a ampla programación da quinta edición da Feira do Libro de Ponteareas, que se celebra do 15 ao 18 de xullo. Pensando no público infantil, o Concello organiza durante estes días unha serie de obradoiros, contacontos e actividades de animación coas que os nenos e nenas poderán achegarse á lectura e á literatura dun xeito diferente e divertido. O edil de Cultura convida a toda a veciñanza a participar na Feira e nas súas actividades, “pensadas para animar á lectura a pequenos, pequenas e maiores pero tamén para dinamizar o sector e dinamizar a vila”.

 

As actividades para os máis cativos e cativas comezarán o venres 16 de xullo cun obradoiro marcapáxinas Ex Libris pola mañá (de 12.15 a 13.00 horas) e coa xincana Bambán de Vento pola tarde (de 16.30 a 18.00 h). Xa o domino 18 os nenos e nenas poderán divertirse co obradoiro de carteis ‘Estou lendo, non molestar’ de 12.15 a 13.00 horas e pola tardes poderán achegarse á lectura co contacontos de Paula Carballeira, que fará gozar ao público coa súa ‘Merenda de contos’.

 

Obradoiros, contacontos, actividades de animación e concursos agardarán ao público na Feira do Libro de PonteareasXunto con esta programación dirixida ao público infantil, a Feira do Libro encherá durante catro días a Praza Maior coa presentación e sinatura de 22 obras literarias. Unha intensa programación á que lle porá punto e final a presentación ás 21.00 horas de ‘Palabra de Martes’, unha antoloxía que recompila os textos do alumnado do Obradoiro de Escrita Creativa de Ponteareas 2020, coordinado por María Lado e editado polo Concello de Ponteareas.

 

Participa e… remata o conto!

Esta edición, a Feira do Libro acollerá de novo o concurso ‘Remata o conto…’, unha iniciativa da Concellería de Cultura en colaboración con Centro Comercial Aberto Banastra coa que se busca fomentar a escritura en galego. As persoas interesadas poderán recoller na caseta da Secretaría o papel de participación, no que deberán incluír os seus datos e rematar a historia que se propón cun só texto escrito en galego. As propostas deberán entregarse na caseta antes do peche da feira.

 

A organización establecerá un xurado para participar na elección dos tres textos gañadores, que serán premiados con:

  • 1º premio. Unha tableta dixital.
  • 2º premio. Un lote de libros valorado en 75 euros.
  • 3º premio. Un lote de libros valorado en 50 euros.

 

Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a feira abrirá as súas casetas de 12.00 a 14.00 horas (agás o xoves 15) e de 18.00 a 22.00 horas.