Obradoiro de Matdance nas casas culturais e na biblioteca

No ámbito do programa de dinamización das Casas Culturais do Concello de Ponteareas, a concellería de Cultura que dirixe a nacionalista Hortensia Bautista, realizará catro sesións do proxecto MatDance que correrán a cargo de Mercedes Prieto Martinez, profesora de Danza con máster en Ciencias da Educación.

O proxecto MatDance está baseado nas conexións creativas que se establecen entre a Matemática e a Danza, co obxectivo de que o alumnado comprenda mellor conceptos abstractos da matemática e que aprendan a expresarse corporalmente adquirindo algunhas competencias a nivel da coordinación, orientación espacial, sentido estético e traballo en grupo, entre outros. 

Nestas catro sesións, dirixidas a maiores de cinco anos, teremos oportunidade de desenvolver diversas actividades de danza creativa e danza tradicional, que facultan un contexto de aprendizaxe e aplicación de diversos conceptos curriculares de matemática, así como de resolución de problemas.

As datas de realización da actividade son este venres 23 en Bugarín de 17 a 18 horas e en Xinzo de 18:30 a 19:30 horas. Na biblioteca municipal o sábado 24 de 11 a 12:30 horas.

Os participantes realizarán coreografias con formacións espaciais en círculo, liñas rectas, cuadrillas e tríos. Diferentes ritmos como os binarios, cuaternarios e terciarios que constitúen regularidades numéricas. Creación e composición de frases de movemento con temas matemáticos como poden ser as figuras xeométricas, operacións básicas como sumar, multiplicar, subtraer e dividir, ordenación maior — menor…

Esta actividade realízase en colaboración coa Deputación de Pontevedra.