O xoves, día 13 de agosto, terá lugar a final do I Concurso Internacional de Violín, dentro do Festival Groba

concurso de violínsEste mércores pola tarde remata a primeira fase do I Concurso Internacional de Violín que se desenvolve dentro do programa do III Festival Groba, no que participan un total de 18 candidatos de distintas nacionalidades. Os 9 violinistas que actuaron na xornada de onte deixaron ben claro que o nivel é moi alto e que o xurado vai ter serias dificultades para decidir cales serán os que pasen á fase final.

Esa fase final terá lugar o xoves, día 13 de agosto, no horario habitual, a partir das 21:00 horas. Os participantes, un máximo de 5, deberán actuar acompañados da Orquestra de Cámara Galega, formación residente do festival.

O concursante gañador recibirá un premio en metálico de 2.000 € e participará nun concerto en calidade de solista xunto coa devandita orquestra durante o festival 2016. Haberá un segundo premio de 500 € que inclúe unha bolsa de estudos nas actividades formativas do festival de 2016 e un recital compartido durante o mesmo. Establécese tamén un premio especial para o mellor violinista menor de 18 anos (non premiado nas categorías anteriores) que inclúe unha bolsa de estudos nas actividades formativas do festival do vindeiro ano e un recital compartido no mesmo.