O voluntariado ambiental xuvenil de Ponteareas prepara unha nova limpeza do río Tea

Será este sábado 11 de marzo cun encontro ás 17.00 h na contorna da Ponte das Partidas, na parroquia de Moreira

A actividade forma parte do proxecto “Libera, unidos contra la basuraleza”, de SEO BirdLife e Ecoembes, co que o Concello colabora

O voluntariado ambiental xuvenil de Ponteareas prepara unha nova limpeza do río TeaO Concello de Ponteareas inicia un ano máis a xeira de saídas do programa de voluntariado ambiental xuvenil, unha iniciativa que busca “ofrecer á mocidade a oportunidade de gozar, aprender e mellorar os vínculos coa súa contorna a través de diferentes actividades”, como explica o concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Miguel Bouzó.

A vindeira saída será este sábado 11 de marzo e terá como obxectivo a limpeza de residuos dun treito do río Tea e da súa contorna, nesta ocasión na zona da Ponte das Partidas, na parroquia de Moreira. A actividade comezará ás 17.00 horas e recoméndase a todas as persoas voluntarias acudir con roupa e calzado cómodo, así como con luvas e auga. Esta actividade tamén formará parte do proxecto “Libera, unidos contra la basuraleza”, de SEO BirdLife en alianza con Ecoembes, na que o Concello xa participou en anteriores edicións e que busca realizar accións de concienciación e recollida de residuos para frear as consecuencias do lixo que as persoas abandonan en espazos naturais.

Todas as persoas interesadas en participar poderán solicitar información ou inscribirse chamando ou enviando unha mensaxe de Whatsapp ao teléfono 687 764 516 ou enviando un correo ao enderezo electrónico voluntariado@ponteareas.gal.

“Convidamos a todos os mozos e mozas a participar neste tipo de actividades que organizamos dende o Concello para concienciar aos nosos veciños e veciñas da importancia de conservar a nosa contorna natural, ao tempo que poñemos en valor o patrimonio medioambiental e fomentamos a participación e o traballo en equipo para facer de Ponteareas unha vila máis sostíbel e saudábel”, destaca Bouzó.