O Verán Rural pecha cun balance cheo de aventuras

A concellería de Ensino despídese do alumnado do Verán Rural que visitou as parroquias de Guláns, Moreira, Prado e Xinzo. Un total de noventa alumnos que aprenderon xogando e descubriron novos horizontes da man non so das monitoras se non tamén da veciñanza que os acompañou nalgunhas actividades.

A concelleira de Ensino, Cristina Fernández, quixo selar as súas lembrazas do Verán Rural agasallándolles material escolar para que deixen voar a súa creatividade. O concello tamén lles regalou unha camiseta que empregaron para distinguirse nas saídas didácticas.

Nesta quincena descubriron o noso agro, os recunchos máis fermosos dos arredores, algo de fauna, patrimonio histórico, etnográfico e natural, algunhas profesións dos veciños e veciñas e a música da man dos profesores do conservatorio e dos músicos da Banda Unión de Guláns e Xuvenil de Xinzo.

As familias participantes trasladaron mediante unha enquisa o seu grado de satisfacción e as súas suxerencias para o futuro asegurando querer repetir o vindeiro verán.

“Estamos a recoller moi boas impresións e moitas peticións para o seguinte verán no que procuraremos innovar e mellorar este servizo e achegalo a máis parroquias. Agradezo a colaboración das asociacións culturais que fixeron posible esta actividade cedendo as súas instalacións e colaborando nas actividades e saídas organizadas”.