O Secretario municipal avala a compatibilidade de Mera

O Alcalde lamenta que Belén Villar falte ao respecto á Valedora do Pobo

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, deu a coñecer o informe do asesor xurídico e actual secretario municipal do Concello, que avala a legalidade da autorización dada polo Pleno ao edil Roberto Mera para compaxinar o exercicio da avogacía coa súa adicación no goberno municipal. O informe xurídico sinala que o recurso de Belén Villar debe ser rexeitado.

Represas explicou que o PP e Villar “deberían aceptar dunha vez os resultados das eleccións municipais e non recorrer á baixeza de facer política coa vida profesional dun concelleiro coa intención de querer apartalo do Concello”. Represas engadíu que “Villar e o PP se equivocan, porque incluso os seus votantes non comparten esta campaña de ataques persoais por unha compatibilidade que desfrutan en todo o Estado numerosos concelleiros de todas as cores políticas”.

Represas pedíu coherencia ao PP e Villar: “acusan a Mera de conflito de intereses por ser concelleiro e avogado cando entre 2011 e 2015 o PP, con Villar no Concello, tivo como concelleiro de tráfico e seguridade a un avogado en exercicio en Ponteareas. Nós, a diferenza do PP, somos respectuosos e nunca cuestionamos a actividade profesional daquel edil”.

Respecto á queixa que Villar presentou á Valedora do Pobo e as afirmacións realizadas polo PP asegurando que a Valedora deu a razón aos populares, o alcalde desmentíu á portavoz do PP e lamentou “que falte o respecto á Valedora atribuíndolle algo que non é certo. A admisión a trámite da queixa é unha formalidade que se produce na práctica totalidade das queixas que recibe dando lugar sempre á petición de información á administración. A admisión a trámite non dá a razón a quen presenta a queixa, simplemente supón a petición de información por parte da Valedora e o Concello xa remitíu o informe xurídico que demostra que a compatibilidade é legal”.

Finalmente, o alcalde lembrou que “no anterior pleno o PP votou a favor da compatibilidade a un funcionario para exercer como avogado, coas mesmas condicións que a Roberto Mera, tal e como se recolle no informe xurídico. Resulta extrano que o PP negue ao concelleiro o que recoñecen a un funcionario”.