O saneamento realizado en Prado, Ponteareas, entrou en funcionamento.

concelloDesde primeiros de setembro máis de 36 veciños da parroquia de Prado, en Ponteareas, poden utilizar, tras as obras rematadas desta fase, a rede de saneamento público, grazas as actuacións financiadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da Xunta de Galicia, dentro do proxecto “Melloras no saneamento das parroquias de Padróns e Prado no Concello de Ponteareas e da Arnela- A Chaleira no Concello de Mondariz”. Tras esta nova fase, xa rematada, continuarase coas seguintes ata conseguir o saneamento público integral da parroquia.

As actuacións que se levaron a cabo foron as necesarias para a mellora do saneamento nesta parroquia e consistiron na colocación dun colector de PVC, cunha lonxitude de case 3 quilómetros e cun diámetro de 250 milímetros. Para tal fin executáronse máis de 80 pozos de rexistro de aros de formigón, para o que foi precisa a execución de dúas perforacións na estrada autonómica Ponteareas- Mondariz, así como a construción dunha EDAR prefabricada con capacidade para o tratamento das augas para máis de 500 habitantes.

O goberno ponteareán amosouse moi satisfeito pola finalización desta fase do proxecto, que xa dá servizo a máis de 36 vivendas na citada parroquia, manifestando o compromiso de seguir saneando o rural, como xa se fixo en Xinzo, Areas, Arnoso e agora en Bugarín, Padróns e Prado, e que virían completar o proxecto de saneamento das parroquias de Ponteareas.