O Rock in Río Tea volve á Feira Vella cun cartel explosivo

O Rock in Río Tea volve á Feira Vella cun cartel explosivo

León Benavente, Aphonnic, Errantes, Aiko el grupo ou Venturi serán algúns dos grupos que se subirán ao escenario para facer vibrar ao público

O festival celebrarase os 30 de xuño e o 1 de xullo con entrada de balde

O Rock in Río Tea volve á Feira Vella cunha morea de propostas de balde coas que facer bailar e desfrutar da música ao público. O festival conta co financiamento do Concello de Ponteareas, que incrementa este ano o seu apoio e a súa aposta pola música e a cultura. O Rock in Río Tea celebrará o 30 de xuño e 1 de xullo a súa undécima edición “con música de alto nivel, un elenco de grupos e artistas incríbel que sabemos que fará vivir ao público unha experiencia inesquecíbel”, como sinala o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

O festival arrancará o venres 30 de xuño con tres actuacións de luxo. Aphonnic fará as delicias do público máis entusiasta, que se deixará a gorxa para acompañar a un grupo que con cada un dos seus seis discos foi dando pasos de xigante ata conseguir crear un estilo propio e recoñecíbel que bebe do metal alternativo ou do metalcore. Con 20 anos de traballo ás súas costas e triunfando a nivel nacional, os vigueses subirán ao escenario cargados de himnos musicais.

Tamén estará na cita a banda con máis táboas do panorama ponteareán, Errantes, que ofrecerá un espectáculo mítico que fará ao público bailar e cantar baixo unha infinidade de estilos. Non podía faltar sobre o escenario o alumnado do CDM (Rock School), que serán os encargados de abrir esta nova edición do festival. 

O sábado 1 de xullo será a quenda dun dos grupos máis esperados do cartel, León Benavente, unha das bandas de referencia do rock nacional. Dende a publicación do seu primeiro disco en 2013, a banda leva unha década enchendo salas, recintos e festivais e sacando algunhas das cancións máis emblemáticas da música en castelán dos últimos anos.

Tamén estará presente no Rock in Río Tea Aiko el grupo, que farán vibrar ao público cun repertorio que vai dende o pop máis duro ata o punk máis distorsionado, unha verdadeira forza da natureza sobre o escenario.  As e os ponteareáns poderán gozar ademais de Venturi, unha banda de sonido british, con bases poderosas e melodías redondas que fan evolucionar as súas cancións a hits para facer saltar ao público dende o primeiro minuto ata o último.

Esa mesma xornada o festival contará tamén coa presenza de Fillas de Cassandra, o dúo formado por María Soa e Sara Faro que presentará en Ponteareas o disco galego do ano, o seu primeiro traballo ‘Acrópole’. Nel a través de melodías tradicionais, pop e electrónica confeccionan unha viaxe ata os mitos femininos gregos para establecer paralelismos e cuestionar unpresente que non semella tan distante daqueles tempos. E, por suposto, non poden faltar entre os grupos participantes neste amplo programa de concertos Visions of Johanna, os gañadores do Concurso de bandas co seu folk rock exquisito.

O Rock in Río Tea converterase ademais no lugar perfecto para descubrir novos talentos. O sábado os público poderá coñecer a María Gabeiras, Sara Casas e Caro, tres artistas emerxentes que participarán por primeira vez no festival baixo o paraugas de ‘Descúbreas’, un programa da Deputación de Pontevedra que busca visibilizar o traballo de artistas femininas prometedoras.