“O ratiño presumido”, de Trinketrinke este sábado na sala de usos múltiples do Auditorio Reveriano Soutullo, ás 12:00 horas

A concellería de Cultura, Turismo e Normalización Lingüística, que dirixe Hortensia Bautista, convida a todas as familias a participar nunha nova actividade do programa APEGO que terá lugar este sábado 16 de marzo ás 12:00 horas.

Trinketrinke porá en escena a obra “O ratiño presumido”, onde a gran Lilí Gruyére vén de recibir un importante encargo profesional: a dirección do Musical “A Ratiña Presumida”, mais decide facer a súa propia versión: “O Ratiño Presumido”, que será representado polos pais e nais asistentes (ou polos nenos e nenas).

Para poder asistir a esta actividade, cómpre facer a preinscrición no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas.

Esta actividade é recomendada para nenas e nenos de 3 a 7 anos, é de balde e forma parte dun conxunto de iniciativas realizadas de xeito mensual que fomentan a vinculación das familias co galego, dentro do proxecto Apego.

Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas entre 0 e 6 anos no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e para nenos e nenas, etc.

Todas aquelas persoas interesadas en participar neste proxecto poden pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán toda a información precisa.