O radar “informativo” da Policía Local difunde os novos límites de velocidade en Ponteareas

Non se detectou nin unha soa infracción en máis dunha ducia de controis realizados durante os últimos dez días

Durante os últimos dez días, e no marco da Semana Europea de Mobilidade, a Policía Local de Ponteareas realizou numerosos controis de radar en diferentes rúas e avenidas da localidade coma a Avenida de Galicia, o Paseo Matutino ou a Avenida de Castelao.

A particularidade dos controis realizados radicou en que estaban precedidos dunha lona informativa que advertía da presenza do radar así como da limitación específica de velocidade na rúa, 20 kilómetros por hora en toda a vila agás na Avenida de Castelao, con limitación de 30 km/h.

O carácter informativo da acción tivo os seus efectos pois na ducia de controis realizados non se detectou nin unha soa infracción, xa que os vehículos adaptaron a súa velocidade á limitación establecida. Con esta iniciativa a concellaría de Mobilidade que dirixe Roberto Mera pretende “informar e concienciar ás persoas condutoras da necesidade de respectar as limitacións de velocidade establecidas. Cumprir con elas supón mellorar a seguridade vial, reducir o risco e a gravidade de accidentes e atropelos e facilitar o uso da bicicleta nas calzadas sen perigo e sen temores, ademais de reducir a contaminación”.

A concellaría de Mobilidade explica que “hai varios meses se instalaron as sinalizacións de límite de velocidade en todos os accesos ao centro urbano, pero moitas persoas por rutina non tomaron coñecemento dos cambios”. Por ese motivo a campaña de control de velocidade con radar pretende “nesta primeira fase lograr que toda a veciñanza sexa conscente da existencia destas limitacións e da necesidade de respectalas”. Porén, a previsión é que, unha vez concluida durante as vindeiras semanas a fase informativa, o radar se continue empregando xa sen lona informativa. “O que queremos é que se respecten os límites de velocidade sempre e non só cando se sabe que hai un radar próximo e para iso as persoas condutoras deben saber que, como en calquera outra vía de circulación, no centro urbano de Ponteareas se poden realizar controis de velocidade en calquera intre e que polo tanto superar os límites pode conlevar unha infracción”. Coa nova limitación de velocidade a 20 km/h circular por enriba dos 40 km/h suporá a perda de dous puntos e por enriba dos 50 km/h catro puntos.