A través desta iniciativa nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis de Tindouf pasan os dous meses de verán en Galicia
A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui xa ten en marcha unha nova edición do programa ‘Vacacións en Paz’, co que colabora o Concello de Ponteareas e a través do que cada ano nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis de Tindouf poden pasar os meses de verán en Galicia.
A asociación busca familias de acollida en Ponteareas que se sumen ao programa e poidan así “ofrecer a estes nenos e nenas nados nun clima de guerra unha estancia agradábel e humanamente rica e a posibilidade de coñecer formas distintas de vida, contribuíndo non só á súa formación, senón tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos galego e saharaui”, como sinala a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.
As familias interesadas en participar deberán acoller a un neno ou nena durante os meses de xullo e agosto, nos que as temperaturas no Sáhara superan os 50 graos. Con ‘Vacacións en Paz’, familias e asociación facilitan aos menores asistencia médica e alimentación, ademais de favorecer a convivencia e integración, perfeccionar a aprendizaxe da lingua castelá e galega, promover os valores de tolerancia e solidariedade e ofertar unha alternativa de lecer e tempo libre aos rapaces e rapazas.
A edil apela á xenerosidade das familias e anímaas a colaborar con esta iniciativa que cada ano permite este intercambio e que os nenos e nenas vivan unhas vacacións en paz. As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa asociación a través do teléfono 986 262 637.