O programa Mocidade Viva inicia o verán cun obradoiro de iniciación á astronomía

O programa Mocidade Viva inicia o verán cun obradoiro de iniciación á astronomíaOrganiza un obradoiro este 14 de xullo (21 h) destinado a rapaces e rapazas maiores de 12 anos. É necesaria inscrición previa

 

O programa Mocidade Viva regresa de novo este verán a Ponteareas cunha programación de lecer saudábel e alternativo para rapaces e rapazas de máis de 12 anos. O vindeiro mércores 14 de xullo (21.00 h) desenvolverase a primeira das actividades programadas nesta nova edición, un obradoiro de iniciación á astronomía e observación do ceo nocturno no Observatorio Astronómico do Parque Forestal de Couso, en Guláns.

 

Este obradoiro dividirase en dúas partes. A primeira será máis teórica e nela  mozos e mozas poderán introducirse ao mundo da astronomía; á mecánica do universo, dos planetas, asteroides, cometas ou meteoros; e á observación do propio ceo.

 

Tras esta introdución as persoas participantes subirán ao alto de San Cibrán para a segunda parte da actividade, a observación. Guiados por expertos e expertas, achegaranse a nocións básicas para aprender a orientarse e situarse no ceo nocturno, aprenderán sobre a problemática da contaminación luminosa e coñecerán as estrelas máis brillantes e as constelacións de verán e todas as lendas e tradicións que as rodean.

 

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, anima a participar a todos os rapaces e rapazas “interesados en iniciarse nun mundo tan descoñecido para moitas persoas”. “Para nós é  un orgullo poder ofrecer á mocidade unha oferta formativa e lúdica diferente que sirva para crear espazos de socialización seguros e saudábeis”, recalca.

 

A actividade será de balde e con prazas limitadas, polo que é necesaria inscrición previa en mocidadeviva@ponteareas.gal. O obradoiro contará con todas as medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.