O programa ‘Coidados Porta a Porta’ estará en Ponteareas os vindeiros 13, 16, 18 e 19 de maio

 

Unha unidade móbil instalada diante do Concello prestará de balde servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a persoas maiores de 55 anos

 

O programa ‘Coidados Porta a Porta’ estará en Ponteareas os vindeiros 13, 16, 18 e 19 de maioPonteareas recibirá a vindeira semana a visita do programa ‘Coidados Porta a Porta’, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia e financiada pola Unión Europea coa que se prestará de balde servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a persoas maiores de 55 anos residentes na vila.

 

A unidade móbil estará situada diante da Casa do Concello os vindeiros días 13, 16, 18 e 19 de maio e disporá de acceso para persoas con mobilidade reducida. As persoas interesadas en ser atendidas e acudir a algunha consulta deberán solicitar cita previa chamando ao teléfono 622 748 283 ou enviando un correo electrónico ao enderezo coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

 

Durante estes catro días as ponteareás e ponteareáns poderá facer unha consulta básica de podoloxía, cunha valoración do estado xeral do pe, un corte e limpeza de unllas, eliminación de durezas, callos e helomas. No servizo de audioloxía farase unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva e no de estimulación de memoria unha persoa profesional realizará unha valoración cognitiva e achegará pautas dende unha perspectiva terapéutica de como previr e reducir o deterioro en caso de habelo.

 

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrea, convida a todas as persoas maiores de 55 anos da vila que o desexen a solicitar xa a súa cita previa para acudir a estas consultas que “permitirán ás nosas e nosos maiores ter ao seu alcance de forma cómoda e gratuíta ferramentas para unha revisión da súa saúde, tocando aspectos que poden mellorar a súa calidade de vida ou incluso previr problemas de saúde máis graves”.