O presidente da Deputación de Pontevedra visita Ponteareas e comproba o bo ritmo das obras de construción do novo Parque urbano forestal de Ponteareas

parque urbano forestalA semana pasada o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, xunto co alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, acompañados de varios membros do grupo de goberno local visitaron as obras de construción do novo Parque urbano forestal de Ponteareas.

Continúan a bo ritmo as obras de construción do novo Parque urbano forestal de Ponteareas, situado na rúa Trobador Xoán García de Guillade, a escasos 400 metros do centro da vila e que vai ser un novo espazo verde de esparcemento para todos os veciños. As obras, que están a piques se rematar, continuaranse despois de Semana Santa coa instalación do mobiliario, mesas, cadeiras, xogos, e outros elementos como papeleiras. Este parque contará con zonas diferenciadas,  unha máis urbanizada e transformada, destinada a xogos infantís e outra, que se manterá practicamente en estado natural, aproveitándose a riqueza medioambiental actual, para que tanto grandes como pequenos poidan gozar dun ambiente natural dentro do propio casco urbano.

Este gran proxecto encádrase, segundo o alcalde, Salvador González Solla, na posta en valor de espazos destinados ao uso público para o recreo e ocio das veciñas e veciños do municipio, sendo esta parcela idónea para este fin, debido á súa proximidade ao centro e polo atractivo paisaxístico co que conta.

Estas obras están subvencionadas pola Deputación Provincial de Pontevedra, dentro do  Plan de Obras e Servizos Provinciais”, do ano 2013.