O poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro presenta o seu último libro na sala multiúsos do auditorio municipal

Será o sábado 29 de outubro ás 19.00 h nun acto presentado por Álex Bouzó e acompañado pola música do Grupo Pärbo

O poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro presenta o seu último libro na sala multiúsos do auditorio municipalUn libro para ler a modo e reler con pracer e interese. Así é como describe a crítica ‘Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes’, a última obra do poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro, que este sábado 29 de outubro presentará ao público na sala multiúsos do auditorio municipal de Ponteareas. Será nun acto que comezará ás 19.00 horas na que o escritor estará acompañado por Álex Bouzó, que exercerá de presentador, e pola música do Grupo Pärbo, con Begoña Riobó ao violín e Anxo Pintos á zanfona.

Pexegueiro desvelará ao público participante os misterios do seu último libro, unha obra protagonizada por Lqbal, un personaxe que comeza a escoitar palabras do mesmo xeito que antes vía a ponte e ao que pouco a pouco os soños lle axudan a descubrir a realidade e a realidade lle permite descubrir os soños. Un traballo no que o poeta ponteareán volve dar verosimilitude incluso ás xeografías imaxinarias coas metáforas máis esixentes nun libro cotiá e transcendente que abrangue o local e o universal.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a compartir esta presentación de balde con Alfonso Pexegueiro e achegarse así á obra dun dos escritores insignes de Ponteareas, “capaz de unir dun xeito único nos seus versos e na súa prosa o compromiso ético coa harmonía estética”.

Nado en 1948 na parroquia de Angoares, o escritor e poeta comezou a súa andaina literaria en 1975 coa creación do grupo de comunicación poética ‘Rompente’, ademais de participar na ruptura poética dos anos 70 e de fundar en 1980 xunto con outros autores e autoras a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, entre outras actividades. Da súa obra poética cabe salientar ‘Seraogna’, un libro anovador publicado en 1976 e considerado pola crítica como precursor dos novos rumbos que seguiría a creación poética galega, e ‘Mar e naufraxio’, Premio da Crítica de Galicia en 1978. En canto á narrativa, publica ‘Relatos para salferir’ (1981) e ‘Destinos dun maldito’ (1991), continuando o seu labor poético na derradeira década do século XX con obras como ‘Serán os cisnes que volven?’ e ‘Hipatia’.

Co seu último libro e o seu protagonista, Iqbal, Pexegueiro abre unha senda, unha analoxía, unha mestura de formas de dicir, traxectoria do pensamento, confluencia de linguas, unha nova síntese. Aquelas cousas que soen ir por separado, as distintas artes e manifestacións da linguaxe, aquí van xuntas, son homoxeneas é, á vez, libres e individuais. En ‘Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes’ conflúe o plástico, o verbal, o poético, o ético, o estético, o pensamento, a dúbida, o épico, o lírico, o cuántico… e de fondo a música está presente, igual que o silencio. Un libro con forma musical no que cada páxina se escoita e cala á vez unha música, unha canción, unha sinfonía, unha sonata…, igual que noutras o pintor ou pintora dálle cor ao silencio.