O pobo saharauí mostrará a súa cultura no Parque da Feira Vella

A exposición está organizada pola asociación “Solidariedade Galega co Pobo Saharauí” (SOGAPS) comezará ás 16:00 horas

FB_IMG_1438193262530O vindeiro venres, 31 de xullo, o Parque da Feira Vella, en Ponteareas, será testemuña dunha Mostra do Pobo Saharauí que pretende achegar a cultura desta comunidade aos veciñas e ás veciñas da vila. A exposición, organizada por SOGAPS e acordada co goberno municipal na primeira reunión que as dúas entidades mantiveron a comezos do mes de xullo, empezará ás 16:00 horas.

Unha “jaima” tipicamente saharauí presidirá o tradicional parque ponteareán para que todos os visitantes teñan a oportunidade desgustar té, dátiles, escoitar música tradicional saharauí, visualizar documentais e outras actividades encamiñadas a familiarizar ao pobo galego co saharauí. A mostra realízase tamén nunha época na que a propia SOGAPS está organizando a iniciativa “Vacacións en Paz”, a cal permite que este ano más de 300 nenos e nenas saharauís pasen os meses de verán en Galicia.

A partir das 19:00 horas tamén terá lugar, no propio parque da Feira Vella, o concurso “Artespantallo”, organizado neste caso pola asociación cultural “La Cañada del Arte” e Club Infantil A Rebuleira de Ponteareas Comercial.