O pleno debatirá unha moción sobre a adhesión de Ponteareas á Área Metropolitana

O texto da moción foi consensuado entre os grupos municipais de BNG, PSdG-PSOE e Mixto (formado por A Riada do Tea e EU-Son)

pleno-de-organización-1A sesión plenaria ordinaria do vindeiro martes, 19 de xaneiro, servirá para tratar unha moción relacionada coa adhesión do Concello de Ponteareas á Área Metropolitana de Vigo cuxo contido foi consensuado polos grupos municipais de BNG, PSdG-PSOE e Mixto (formado por A Riada do Tea e EU-Son).

O texto elaborado por estes grupos municipais manifesta “a vontade do Concello de incorporarse á Área a partir do momento de constitución da mesma para participar dende o inicio na toma de decisións”. A proposta tamén recolle como unha das prioridades a incorporación ao transporte público na área metropolitana no menor prazo posible, pois “seguimos sen saber nada do estudo de custos que a Xunta comunicou que ía iniciar no mes de maio de 2015”.

Asemade, o texto que se pretende aprobar na vindeira sesión plenaria especifica que Ponteareas “participara naqueles servizos da Área que lle sexan de interese, tomando as decisións que correspondan en cada caso”, así como a consideración de que “o financiamento debe realizarse en base aos habitantes de cada concello”.

O alcalde, Xosé Represas, manifestou que “en calquera caso, agardo que o debate plenario permita acordar un texto que sexa de toda a corporación, de xeito que a voz do Concello diante da Xunta de Galicia sexa unha e teña máis forza”.

A presentación desta moción chega despois de que o executivo local acordara o pasado mes de outubro dirixirse ao alcalde de Vigo, ao Director Xeral de Administración Local e ao presidente da Xunta de Galicia comunicando a intención por parte de Ponteareas de formar parte do ente supra municipal e solicitando reunións con todos eles, sen que até o momento teña recibido “comunicación ningunha ao respecto por parte da Xunta, nin para manter unha reunión bilateral nin para participar nas reunións que o organismo autonómico convoca para tratar a modificación do proxecto de Lei da Área Metropolitana, como a que terá lugar o vindeiro 19 de xaneiro en Vigo”, apuntan dende o goberno municipal.

Si houbo varias reunións co alcalde do Concello de Vigo. A primeira delas no mes de novembro, a segunda no mes de decembro e a última esta mesma semana, acompañado neste caso por outros 14 rexedores municipais. Ao remate deste encontro o alcalde ponteareán, Xosé Represas, sinalou a “necesidade de chegar a un consenso entre todos os concellos interesados o antes posible, deixando a un lado as cuestións partidistas e construíndo un organismo que permitirá ofrecer máis e mellores servizos á cidadanía”.