O Pleno de Ponteareas aproba a proposta do Goberno local para a recuperación da paga extra de decembro de 2012

Tamén aprobou a modificación do proxecto da obra de saneamento no Barrio da Igrexa, en Arcos, a Conta Xeral de 2015 e a fixación dos festivos locais para 2017, entre outras propostas

O Pleno da Corporación municipal de Ponteareas, en sesión ordinaria, tratou, amais do PXOM, outros temas de relevancia. Houbo unanimidade para aprobar a modificación do proxecto da obra de saneamento do barrio da Igrexa, na parroquia de Arcos. Despois, a Conta Xeral do Presuposto correspondente ao exercicio económico do 2015 foi aprobada cos votos do Goberno, que decontado serán remitidas ao Consello de Contas de Galicia.

Por unanimidade, tamén, logrouse aprobar a modificación orzamentaria por importe total de 70.307,68 euros que vai permitir aboar unha retribución de carácter extraordinario aos traballadores municipais co obxectivo de recuperar a paga do mes de decembro de 2012, eliminada polo Goberno de España, presidido por Rajoy.

A continuación, aprobouse cos votos do Goberno local e EU-Son a modificación dos artigos 16 e 17 da ordenanza reguladora de venda ambulante, tras recoller as suxestións dos vendedores ambulantes, para regular mellor a distribución dos postos vacantes así como facilitar o proceso de solicitude de ocupación de ditos postos.

A fixación dos festivos locais foi votada favorablemente por unanimidade da Corporación. Deste xeito, no vindeiro ano 2017 serán festivos o 19 de xuño, o luns seguinte ao día de Corpus Christi, e o 29 de setembro, día de San Miguel Arcanxo.