O pleno de Ponteareas aproba o primeiro Plan de Igualdade do persoal do Concello

Todos os partidos políticos ratificaron tamén un manifesto polos dereitos das persoas LGTBI

 

O pleno de Ponteareas aprobou onte o primeiro o Plan de Igualdade do persoal municipal do Concello. O documento, promovido pola concellaría de Benestar Social e Igualdade que dirixe Verónica Carrera, contempla 39 actuacións que permitirán camiñar cara a igualdade entre ambos xéneros na plantilla de persoal da entidade local.

 

O plan establece 7 áreas de intervención: transformación organizativa municipal (9 actuacións), información, sensibilización e formación continua (6 actuacións), acceso ao emprego (4 actuacións), retribucións, promoción interna e desenvolvemento da carreira profesional (4 actuacións), corresponsablidade e conciliación da vida persoal, familiar e laboral (4 actuacións), saúde laboral e prevención do acoso sexual ou por razón de sexo (5 actuacións), e violencia contra as mulleres (3 actuacións).

 

Co Plan de Igualdade o goberno local de Ponteareas pretende incorporar a perspectiva de xénero na xestión dos recursos humanos do Concello, fomentar a igualdade de oportunidades e o equilibrio na participación de traballadoras e traballadores en todos os ámbitos de xestión, integrar o respecto pola igualdade na cultura e non valores de funcionamento, e incrementar o impacto positivo do xénero nas políticas e servizos públicos. 

 

O pleno tamén ratificou por unanimidade un manifesto polos dereitos das persoas LGTBI consensuado polas forzas políticas da corporación. O Concello de Ponteareas declarouse como un “municipio de liberdade para todas as persoas independentemente da súa identidade de xénero ou afinidade sexual”, e mostrou a súa vontade de construír unha sociedade inclusiva con oportunidades para todos e para todas.