O pleno de novembro foi suspendido trala negativa do concelleiro do PP Domingos Freitas a abandonalo pola súa falta de respecto

O edil popular foi expulsado tras facer caso omiso das tres advertencias do presidente da Corporación Municipal Xosé Represas

O alcalde Xosé Represas ante esta actitude decidiu ordenar un receso de dez minutos. De volta á actividade plenaria, o edil Freitas fixo caso omiso á expulsión ordenada polo alcalde Represas, polo que se viu na obriga de suspender o pleno.

Xa non é a primeira vez que o concelleiro do Partido Popular de Ponteareas, Domingos Freitas, interrompe nos plenos con malas maneiras e ofensas, sen respectar a quenda de palabra dos edís das outras forzas políticas que compoñen a Corporación Municipal de Ponteareas. A conduta indebida e falta de respecto xa se deu noutras ocasións por parte dos concelleiros do PP.  

Até o momento da suspensión, o pleno tratara a proposta presentada por iniciativa do Bloque Nacionalista Galego sobre recuperación da memoria histórica e de condena da dictadura franquista, con engadidos de EU-Son, PSdeG e PP, aprobada por unanimidade da corporación. Tamén  aprobaron por unanimidade proposta de oposición á LOMCE e as reválidas, e aquela referida á transferencia da competencia sobre a AP-9 á Xunta de Galicia.

Foi no momento de debater o escrito de ACiP sobre o servizo de recollida do lixo e despois das intervencións deste grupo e do Partido Popular, no momento no que interviña o alcalde, dando resposta ás preguntas da oposición, o concelleiro do PP tivo un comportamento reprobable.