O Pleno aproba a praza de técnico de Intervención e unha nova modificación orzamentaria

Tamén se deu conta da dimisión do edil Mario Lago, que se ocupou ate onte das áreas delegadas de Comercio, Hostalería e Consumo

O primeiro punto da orde do día do pleno extraordinario do pasado mércores 30 de novembro foi a proposta do Goberno local dunha nova modificación orzamentaria de crédito por importe de 649.841 euros destinado ao pago do investimento da ETAP e do recoñecemento da débeda con acredores, asumida polo Estado en 2012.

O segundo punto tratou as reclamacións ao acordo de aprobación inicial de modificación de requirimentos de acceso e retribucións complementarias da praza de técnico de Intervención e a amortización da praza de Oficial de 3ª, na que o Goberno local rexeitou as alegacións presentadas. Estabeleceu para a praza de Técnico de Intervención unha retribución anual total de 42.000 euros, coa seguridade social incluída.

“Toda a corporación considera que é fundamental cubrir esta praza. Leva máis de tres anos vacante, sen previsión de ser cuberta”, asegura o alcalde Xosé Represas. Polo de agora está a ser un funcionario dun concello próximo o que acude periodicamente a facer os traballos de interventor.  “Un labor que non é suficiente, como recollen os informes, de aí que optemos agora por cubrir a praza de técnico de intervención, creada xa hai uns anos”, defende.

O último asunto que tratou o Pleno da Corporación foi a dimisión do edil Mario Lago. O xa ex concelleiro de Comercio, Hostalería e Consumo aduciu fundamentalmente motivos persoais e de conciliación da vida familiar e laboral para presentar a súa renuncia.