O Pleno aproba as propostas do goberno por unanimidade

Q55A9209As propostas presentadas polo goberno municipal na sesión plenaria celebrada o pasado 16 de febreiro contaron co respaldo unánime da corporación local.

 

A cidade dos nenos

 

A sesión posibilitou concretizar a adhesión de Ponteareas ao proxecto internacional “A cidade dos nenos”. Trátase dunha iniciativa que nace en 1991 da man do pedagogo Francecso Tonucci e que está baseada en dous piares: que os nenos participen no goberno da súa cidade e que estes recuperen a súa autonomía mediante un deseño axeitado dos espazos públicos.

 

Neste senso, a concelleira de Mobilidade, Vanesa Fernández, destacou “a importancia de tomar aos nenos como referencia das necesidades de mobilidade da cidadanía e deixar de priorizar o deseño do urbanismo nas necesidades dos adultos, evitando cometer excesos como os que se veñen desenvolvendo coa inxente presenza de coches nas cidades, por exemplo”.

 

Pista polideportiva do Fermín Bouza Brey

 

A aprobación do proxecto básico e de execución da ampliación e cubrición da pista polideportiva do CEIP Fermín Bouza Brey tamén foi unánime. Trátase neste da modificación dun proxecto proxecto que foi redactado en 2014 e que agora incorpora unha serie de modificacións en forma de melloras, como por exemplo o reforzo do pavimento da nova pista, de xeito que esta non se deteriore tan rapidamente polo uso que dela se faga para o desenvolvemento de actividades deportivas e doutra índole.

 

A edil de Vías e Obras, Chus Garrote, felicitouse “polo respaldo unánime da corporación a unha obra que será licitada no curto prazo, pois o compromiso do goberno é que os traballos comecen unha vez finalice o actual curso escolar, no vindeiro mes de xuño”.

 

Rúa Rogelio Groba Groba

 

Tal e como se anunciou en datas recentes, o pleno tamén tratou unha proposta acordada previamente por todos os grupos da corporación e pola cal a rúa Darío Bugallal, situada a carón da Casa do Concello, pasará a denominarse Rogelio Groba Groba, en homenaxe ao transcendental compositor ponteareán na historia da música culta galega, que ten nesta rúa a súa vivenda.