O peche por obras da Praza de Bugallal obriga a reordenar a circulación e accesos en once rúas a partires de mañá

O Concello de Ponteareas anunciou o peche ao tráfico da Praza de Bugallal a partires de mañá martes 15 de marzo como consecuencia das obras de humanización. Na Praza de Bugallal conflúen un total de sete rúas (Morales Hidalgo, Senén Canido, Enrique Rodríguez Troncoso, Constitución, Vidales Tomé, Oriente e Esperanza), que xunto a outras catro máis (Reveriano Soutullo, Concha Brey, Virxe dos Remedios e Rogelio Groba), verán reordenado o acceso e circulación en vehículos a motor para adaptarse a esta nova situación.

A Concellaría de Mobilidade e Tráfico e o departamento da Policía Local informaron a residentes e comerciantes de cada unha das once rúas, así como servizos públicos e de emerxencias, da nova ordenación do tráfico.

As obras obrigan a establecer un amplo perímetro no que non se permitirá o tráfico libre e polo que só poderán circular os vehículos autorizados. Esta restricción de acceso establecerase en tres puntos: na rúa Concha Brey, dende a rotonda situada detrás do Concello, na rúa Vidales Tomé a partires do Centro Artístico Sportivo e na rúa Morales Hidalgo dende a parte posterior do Auditorio Municipal. Trátase polo tanto da mesma zona pechada ao tráfico nas feiras e mercados, agás ao redor do auditorio que se mantén aberto ao tráfico.

Os vehículos autorizados a entrar nesta zona serán os usuarios de garaxes, residentes sen garaxe, comerciantes e transportistas para cargas e descargas, persoas con mobilidade reducida así como taxis, servizos públicos e de emerxencias. Na rúa Constitución e nos tramos afectados de Vidales Tomé e Morales Hidalgo, ao converterse en rúas sen saída, os vehículos autorizados

unicamente poderán parar na marxe dereita un máximo de 15 minutos, para facilitar as manobras de cambio de sentido e saída.

A rúa Senén Canido acollerá a parada de taxis que actualmente se ubica na Praza de Bugallal. A rúa Reveriano Soutullo, no tramo que discorre dende Concha Brey até o cruce con Amado Garra, invertirá o seu sentido de circulación de tal xeito que os autorizados a acceder a ese tramo de Reveriano Soutullo o farán dende a Casa do Concello, saíndo logo por Amado Garra. O mesmo circuito utilizarán os autorizados a entrar na rúa Enrique Rodríguez Troncoso, detrás da igrexa parroquial.

En todas as rúas de tráfico limitado e restrinxido terán prioridade os peóns, os vehículos deberán circular a baixa velocidade mantendo distancia coas persoas que camiñan. Esta reordenación supón un novo avance na liña dos obxectivos do goberno local de reducir ao máximo o tráfico nas rúas máis céntricas da vila, dar preferencia á mobilidade a pé e en bicicleta, reducir a contaminación e o ruido e mellorar a seguridade vial. Nesta mesma liña, a Concellaría de Mobilidade e Tráfico prevé a apertura en breve do novo aparcadoiro de Sarmiento Rivera, fronte ao cuartel da Garda Civil, que, na súa primeira fase, terá un total de 170 prazas de estacionamento, que se suman ás máis de 130 habilitadas na Avenida de Galicia no antigo solar de Granitos de Galicia.

A Concellaría de Tráfico e Mobilidade explica que para calquera problemática de accesibilidade ou dúbidas que se poidan suscitar deberase contactar coa Policía Local que dará solución a esas situacións.