O Parque das Pombas recupera a súa cafetería

 

O servizo acaba de ser aduxicado polo Concello e abrirá ao público proximamente tras unhas obras de mellora

 

O Parque das Pombas de Ponteareas recupera a súa cafetería. O Concello acaba de adxudicar a explotación do servizo, e o local abrirá as súas portas proximamente tras unhas obras de mellora das instalacións. O novo concesionario abonará 500 euros ao mes, o dobre da cantidade mínima esixida no proceso de licitación. Foi a mellor proposta das cinco presentadas.

 

O concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, destaca que esta cafetería é un “servizo de interese social moi demandado polas persoas usuarias do Parque das Pombas”. Por iso, dende que o anterior concesionario renunciou a súa explotación en 2019, o Concello non deixou de traballar para que volvera estar activa. 

 

A reapertura da cafetería únese á recente transformación da rúa Redondela, e contribúe a dotar de máis atractivo a estes espazos, agora conectados co centro urbano a través dun “traxecto amábel e de calidade”, afirma o concelleiro. O edil destaca que o novo servizo será unha fonte de ingresos “razoábeis” para o Concello. Agora ingresará 500 euros ao mes, o que supón 6.000 euros ao ano, 10 veces máis ca os 600 que se obtiñan na anterior adxudicación. A duración do contrato tamén é máis limitado, 10 anos, fronte aos 30 que lle correspondían ao anterior adxudicatario. 

 

A concesión do servizo supón, ademais da contía mensual, a adaptación dun dos aseos ás condicións de accesibilidade esixidas, instalar saída de fumes no caso de que pretenda introducir na oferta alimentos quentes, e dotar de auga quente os aseos e a cociña. 

 

Establécese a apertura de luns a sábado como mínimo de 13:00 a 21:00 horas e os domingos de 11:00 a 21:00 horas, podendo fixarse un día de luns a xoves como día de descanso.