
A nova edición do obradoiro dual Coidar de Nós acollerá un módulo de albanelaría dirixido en exclusiva aos veciños e veciñas de Ponteareas
O Concello segue a traballar por favorecer a inclusión no mundo laboral dos seus veciños e veciñas. Arredor de 160 veciños e veciñas de Ponteareas e As Neves pasaron xa polas aulas de formación dual da vila do Tea e melloraron a súa empregabilidade grazas aos obradoiros de formación dual ‘Coidar de Nós’ dende o ano 2015.
Coidar de Nós V, acollerá un módulo de albanelaría, íntegro para os veciños e veciñas de Ponteareas, que centrará as súas prácticas no acondicionamento de instalacións municipais de uso público, como a casa cultural de Areas, o palco da feira vella, o parque da castiñeira, a residencia de maiores e beirarrúas. Pola súa banda, o módulo de atención sanitaria porá o foco na atención a persoas dependentes no domicilio e en institucións sociais, ofrecerá prácticas na residencia asistida do Meixoeiro, e traballo tanto no SAF municipal como na residencia de maiores de Ponteareas.
A concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández Soage, afirma que “a continuidade destes obradoiros son unha nova boísima para o Concello, pois a formación céntrase en dous sectores cun retorno moi positivo na contorna e que, na actualidade, contan cun índice de empregabilidade de máis do 90%”. Fernández Soage celebra tamén a aposta polo módulo de albanelaría: “tras moitos anos sen contar con el quixemos recuperalo debido ao aumento significativo da demanda de emprego neste eido”.
A quinta edición deste obradoiro de emprego de formato dual ‘Coidar de Nós’, permitirá que 20 persoas accedan a un contrato de formación en alternancia a xornada completa durante 12 meses. Neste periodo, tamén se precisarán 6 traballadores ou traballadoras para o equipo técnico docente, polo que o número total de persoas contratadas ascenderá a 26.
O obradoiro dual de emprego conta cun investimento de arredor de 50.600 euros financiados polo Concello de Ponteareas e de 504.000 euros pola Xunta de Galicia a través da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade.