O musical Nunca Endexamais do Coro do IES Val do Tea obtén un rotundo éxito no parque da Feira Vella

A obra, inspirada no conto de Peter Pan do escritor escocés James Mathew Barrie, foi dirixida polo profesor Julio Domínguez

Q55A4327

“É un orgullo para Ponteareas contar con esta xente moza, entregada nun traballo de equipa, dedicándolle horas do seu lecer para deleitarnos coas súas voces e o seu talento interpretativo. Conseguiron transportarnos a un mundo máxico e facernos sentir que os soños poden converterse en realidade”, sinala a concelleira de Cultura e Lecer, Hortensia Bautista, área que colaborou na organización do espectáculo. “Son a proba palpable do potencial que atesoura Ponteareas no eido da música e das artes escénicas e da necesidade de darmos a coñecer estas novas promesas do noso concello”, engade.

Durante o curso 2012-2013, o departamento didáctico do IES Val do Tea puxo en marcha a iniciativa de crear un coro no centro, baixo a dirección da profesora e soprano Raquel Sestelo-Longueira. Tras un primeiro ano de intensa actividade interpretando obras de diferentes épocas e estilos, con actuacións no propio centro e diferentes espazos nos concellos de Ponteareas e As Neves, o coro continuou a súa consolidación preparando novos programas con concertos na comarca.

Q55A3431

Ademais de interpretar as obras de teatro musical “Fondo do Estanque” (2014) e “Happy” (2015), unha viaxe de intercambio co coro “Os Peques do León de Ouro” de Luanco (Asturias) e sendas colaboracións coas bandas de música do conservatorio Reveriano Soutullo de Ponteareas e Unión de Guláns ademais do proxecto “Un río de músicas” interpretado en Febreiro de 2016 no auditorio Mar de Vigo xunto coa orquestra xove Vigo-430 con obras dos séculos XX e XXI.

No pasado mes de xuño, como fin de curso, o coro estreaba no auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas “Nunca Endexamais” -adaptación libre do musical “Peter Pan”- baseado no coñecido libro do escritor inglés Mathew Barrie (1860-1937) e o pasado martes 6 de setembro obtiveron un rotundo éxito no parque da Feira Vella.