O Ministerio prevé a exposición pública do proxecto de mellora da N-120 antes de fin de ano

O Ministerio prevé a exposición pública do proxecto de mellora da N-120 antes de fin de ano

 

A previsión foi avanzada hoxe pola Subdelegación do Goberno aos representantes dos grupos políticos BNG, PP e ACIP e dos colectivos veciñais que acudiron a Pontevedra

 

A alcaldesa Cristina Fernández Davila adianta que Goberno local, Corporación e colectivos farán un seguimento continuo das distintas fases das obras da N-120 e da variante

 

Representantes dos grupos políticos BNG, PP e ACIP e dos numerosos colectivos veciñais das parroquias de Ponteareas afectadas pola rede viaria do Estado desprazáronse este luns á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para esixir unha vez máis un calendario con prazos e orzamentos para as obras de mellora da seguridade viaria na N-120 e a creación da variante.

 

O Ministerio prevé a exposición pública do proxecto de mellora da N-120 antes de fin de anoTras concentrarse á entrada da Subdelegación e a petición da alcaldesa un representante deste organismo mantivo unha longa conversa cos representantes políticos e veciñais na que adiantou a intención do Ministerio de realizar a exposición pública do proxecto antes de final deste ano. Unha vez se resolvan as alegacións que no seu caso se poidan presentar o proxecto aprobarase definitivamente e poderase licitar, algo que podería producirse no vindeiro ano en función do número de alegacións e da súa complexidade.

 

“Sabemos que o prazo ofrecido hoxe refírese só a unha fase do procedemento, a exposición pública, e aínda que supón un pequeno avance, é insatisfactorio, pois queremos un calendario completo orientativo”, salientou a alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila.

 

O Concello estará moi atento a que se verifique a exposición pública do proxecto e fará un seguimento exhaustivo e permanente do proceso para que se cumpran as previsións e as obras se liciten o vindeiro ano. “Estaremos en constante comunicación coa Subdelegación do Goberno e co Ministerio para asegurarnos de que o proceso avanza ao ritmo debido. Entendemos que se poden producir retrasos e para ese suposto é fundamental manter unha interlocución áxil e fluída para coñecer os motivos e se estes son xustificados ou se deben a unha falta de vontade política”, sinalou a rexedora.

 

En canto á creación da variante, a Subdelegación do Goberno facilitará nos vindeiros días a información detallada sobre todas as fases do proceso para a súa futura construción. Actualmente o proxecto atópase en fase previa á elaboración do estudo de impacto ambiental. “O Goberno local fará tamén un seguimento continuo do avance de cada unha das fases do proceso para que estas se executen sen dilacións e sen retrasos”, recalcou.

 

A alcaldesa agradeceu aos partidos políticos e aos colectivos presentes hoxe en Pontevedra a súa asistencia, xa que “nesta reivindicación de melloras na rede viaria do Estado en Ponteareas é fundamental a unidade”. Cristina Fernández apostou polo diálogo e a firmeza para lograr investimentos do Estado e lembrou que coas negociacións do mandato pasado o goberno municipal conseguiu que o Ministerio de Transición Ecolóxica redactara o proxecto de ampliación da depuradora e que os orzamentos do Estado recollan 11 millóns de euros para a súa execución. “Seguindo esa mesma liña, continuaremos traballando sen descanso até conseguir para Ponteareas a mellora da seguridade na N-120 e a variante”, afirmou a rexedora.