O mercado de Ponteareas medra con vinteún novos postos

O mercado de Ponteareas incorpora este sábado vinteún novos postos. Por este motivo a partir deste sábado día 10 as rúas Estrada e Morales Hidalgo permanecerán pechadas ao tráfico agás emerxencias, carga e descarga e servizo de taxi.
A Concelleira de Comercio, Inés, Vidal, adiantou que os vinteún postos que comezan a traballar no mercado de Ponteareas son autónomos que reúnen tódalas condicións legais e teñen toda a documentación solicitada ao día (seguro, alta no epígrafe de actividades económicas, ao corrente en pagos…).
“Para nós é positivo que os comerciantes se fixen no mercado de Ponteareas, que é un importante dinamizador da economía local, ao congregar a milleiros de veciños de toda a comarca do Condado e A Paradanta que aproveitan para facer todo tipo de compras”, explica Vidal.
A Concelleira de Comercio destaca que se no futuro se producen novas demandas, serán estudadas e poderán ser ubicadas na rúa Estrada que nestes intres non acolle ningún posto ambulante.
“Dada a gran demanda que houbo tivemos que facer un sorteo dos postos numerados, tendo que abrir o mercadiño a unha nova rúa, neste caso a Morales Hidalgo xa que nas prazas non collen máis postos”, matiza Vidal.
Os postos novos distribuiranses entre a Praza Maior, a Praza Bugallal, na rúa Esperanza e Morales Hidalgo.
Para suplir as prazas de aparcamento que se restan co corte do acceso a estas dúas rúas, a Concellería de Vías e Obras traballa estes días no desbroce e compactación do firme dunha parcela na esquina da rúa Ramiro Sabell con Castelao.
“Este novo espazo para aparcamento contará con cincuenta prazas que facilitarán aos veciños un espazo de balde no que deixar os veículos. Nestes días estamos a rematar xa os traballos de acondicionamento”, engade a Concelleira de Vías e Obras, María Jesús Garrote.