O mellor disfrace do Entroido gañará unha estancia nunha casa rural para dúas persoas

O Concello publica as bases que rexerán o concurso de disfraces nas categorías de adulto e infantil

mask-774079_960_720A Concellería de Cultura, xestionada por Hortensia Bautista, vén de publicar na web municipal as bases polas que se rexerán os concursos de disfraces, tanto na categoría de adultos como na infantil.

Na primeira delas, o mellor disfrace será merecedor dunha fin de semana para dúas persoas nunha casa rural en réxime de aloxamento. O segundo premio contempla unha fin de semana nun hotel en réxime de aloxamento e o terceiro unha cea para dúas persoas nun restaurante de Ponteareas.

O concurso en categoría de adultos terá lugar o vindeiro sábado 6 de febreiro na Praza Maior da vila. Todas as persoas maiores de 16 anos interesadas en participar deberanse anotar na mesma praza a partir das 21:00 horas do propio sábado.

Categoría infantil

O concurso infantil terá lugar o 8 de febreiro a partir das 17:30 horas na Praza Maior de Ponteareas. Todos os nenos e nenas cunha idade máxima de 12 anos que queiran participar deberán inscribirse dende as 17:00 horas na propia Praza Maior.

Nesta categoría se repartirán 5 premios. O primeiro deles gañará unha bicicleta; o segundo unha tablet electrónica; o terceiro un mp4; o cuarto un mp3; e o quinto un quebracabezas.

En ámbolos dous casos o xurado estará integrado por persoas vinculadas a asociacións culturais e a asociacións participantes nas actividades do Entroido, valorando especialmente aqueles disfraces que sexan froito dunha confección artesá.