O libro sobre Alejandro Viana de Roberto Mera, Premio Antón Losada Diéguez na categoría de Investigación e Ensaio  

O xurado do Premio Antón Losada

 

O Concello traslada os seus parabéns ao autor por esta obra que recupera de forma minuciosa unha figura ponteareá que axudou a 17.000 republicanos a fuxir tras a Guerra Civil

 

O xurado da XXXVII edición do Premio Antón Losada Diéguez vén de outorgar o galardón na categoría de Investigación e Ensaio ao libro ‘Alejandro Viana. Un galego a fronte do rescate dos refuxiados republicanos’, unha obra escrita por Roberto Mera na que recupera de forma minuciosa a figura dun persoeiro ponteareá pouco coñecido para a propia veciñanza da vila e que “desenvolveu un labor importante na recuperación da dignidade dos refuxiados españois perdedores da guerra e da súa evacuación a América cunha ética estrita”, como recolle o xurado nas actas.

 

Trátase do primeiro libro de Roberto Mera, que afonda na historia do seu tío bisavó cunha pequena parte da súa biografía centrada fundamentalmente entre os anos 1939 e 1941, durante a Guerra Civil e o seu exilio en Francia, “onde axuda ás persoas refuxiadas con alimentación, roupa, sanidade, albergue e os embarques de 17.000 refuxiados e refuxiadas españois cara a América”. Aínda que a historia remata no ano 1952, cando Viana chega a México, Mera proxecta continuar coa historia do seu antepasado centrada noutras etapas da súa vida, como cando foi deputado, empresario ou alcalde de Vigo, antes de 1936.

 

O Concello de Ponteareas quere trasladar os seus parabéns ao escritor por esta obra que achega ao público un personaxe pouco coñecido para os propios ponteareáns e ponteareás e que tivo un papel moi relevante tras a Guerra Civil, clave na organización dos máis de 30 barcos que levaron a miles de persoas fuxidas cara ao exilio, pero tamén na xestión de visados, pasaxes en liñas regulares, subsidios ou pagos a médicos en campos de concentración. “Queremos felicitar a Roberto Mera por devolver á nosa memoria a un persoeiro ponteareá tan importante cun libro minucioso que nos permite coñecer a historia dun home que salvou moitas vidas e que non debe caer no esquecemento”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.