A deputada provincial Marta Iglesias presentou esta mañá na sede viguesa da Deputación o ‘III Festival de Jazz’ de Ponteareas, acompañada pola concelleira de Comercio ponteareana, Marisol Valado, e polo presidente da Federación de Hostaleiros do Condado,Isidoro Pino.
Preto dunha ducia de grupos e bandas protagonizarán esta edición do festival, a que presenta un programa mais amplo de todas as celebradas ata agora, cun total de 27 concertos nas rúas de Ponteareas e un fin de festa que contará coa actuación da Gallaecia Big Band Midnight, unha banda de 16 compoñentes que nesta ocasión contará con tres vocalistas de luxo invitados.
A deputada Marta Iglesias eloxiou o “crecemento e a calidade” do certame na súa terceira edición e animou a todos os visitantes da provincia a coñecer Ponteareas os días 8, 9 e 10 de agosto. “Dende a Deputación apoiamos sempre esta actividade cultural polo que ten de promoción non só cultural senón tamén económica e turística para a capital do Condado.
Dende o Concello, a concelleira de Comercio, Marisol Valado, cualificou o Festival de Jazz como “un dos eventos lúdicos máis importantes do ano no municipio”, con grandes efectos para o comercio e a hostalaría locais. Recordou neste sentido que o sábado, 9 de agosto, os concertos na rúa coincidirán coa celebración durante todo o día da feira do comercio de oportunidades e co tradicional mercado. “Todas estas actividades farán de Ponteareas un lugar de encontro, paseo e diversión ideal para os veraneantes”, comentou Valado.
Isidoro Pino, presidente da asociación de hostaleiros do Condado, destacou o gran final de festa do domingo, que contará coa actuación da Gallaecia Big Band Midnight, unha das bandas máis coñecidas en España que ofrecerá un concerto especialmente preparado para o festival de Ponteareas.
O domingo terá lugar unha gran churrascada e pulpada populares, que engadirán un punto de referencia gastronómico á cita co Jazz que propón o municipio.
Entre os grupos participantes figuran St. James Street Band,Fernández de Silva dúo, nacho Pérez Quartet, José Portela dúo,Inés Carreño Quartet, Tomas Merlo & The Freepunk Ensemble,Valentín Caamaño trío, Alex Salgueiro trío, David Regueiro, Seir Caneda Quartet, Xán Campos trío e a mencionada Gallaecia Big Band Midnight.
Concello de Ponteareas
Xardins da Xiralda SN -Ponteareas C.P:36860
Pontevedra / telf: 986 64 00 00 - 986 64 00 00 50
Aviso Legal | Proteccion de datos | Uso de cookies