O II Festival Folclórico Sadeo difunde esta fin de semana a cultura de raíz

O II Festival Folclórico Sadeo difunde esta fin de semana a cultura de raízPonteareas acolle esta fin de semana a segunda edición do Festival Folclórico Sadeo. Organizado pola Asociación Cultural Sadeo coa colaboración do Concello, o sábado 2 de xuño a partir das 21.00 horas o Parque da Feira Vella converterase no escenario onde o GBMT Sadeo e os grupos convidados, a A.C. Nós de Sobradelo (Vilagarcía de Arousa) e a A.C. Imoque de Adeje (Tenerife), protagonizarán un espectáculo que pretende divulgar a cultura de raíz, neste caso galega e canaria.

 

Como actividade previa ao festival, os grupos farán un pasarrúas polas rúas da vila a partir das 20.15 horas. Ademais da colaboración do Concello de Ponteareas súmase a de Canarias Crea e da Deputación de Pontevedra a través do programa Pontegal, así como tamén doutros patrocinadores.

 

Sadeo Pandereteiras nace en 2013 cando tres amigas que foran compañeiras noutra formación deciden volver unirse para cantar xuntas. Séguelle os pasos Senfol, o grupo de gaitas que se incorpora á Asociación Cultural Sadeo en 2015, ano no que a formación amplíase incluíndo un grupo de baile tradicional formado por 5 parellas cunha longa traxectoria noutras formacións, coa que se busca ofrecer un traballo de calidade e fidelidade á tradición.

 

Pola súa banda, a Asociación Cultural Nós de Sobradelo nace no ano 1987 nesta parroquia de Vilagarcía de Arousa. Dende entón, crianzas e maiores traballan sen descanso co fin de recuperar, conservar e promover o patrimonio folclórico, cultural e etnográfco de Galicia. Actualmente conta con 3 grupos de canto e pandeireta, 3 grupos de baile, un grupo de gaita e percusión e unha banda de gaitas e percusión.

 

Mentres, a Asociación Cultural Imoque naceu dunha reunión de amigos na praza de San Sebastián, na Caleta de Adeje, na illa Tenerife no 2013, iniciando a súa andaina como asociación co obxectivo de traballar por manter e difundir as tradicións e o folclore das illas Canarias. Imoque é un vocábulo aborixe que da nome a un roque, enmarcado dentro do espazo natural do Barranco del Inferno, no Macizo de Adeje, unha das tres cordilleiras máis antigas da illa de Tenerife. Esta asociación ten como eixo central un grupo folclórico conformado por 40 compoñentes aproximadamente, que se dividen en grupo de baile e parranda.