O historiador André Pena Graña achegou a súa visión da figura do polígrafo ponteareán Fermín Bouza Brey

andre_penaEste venres, día 27 de marzo, ás 20:00 horas, o Salón de Sesións do Concello de Ponteareas acolleu unha conferencia sobre Fermín Bouza Brey, organizada pola Concellería de Cultura, a través da Biblioteca Pública e Museo Municipal, a cargo de André Pena Graña, historiador e arquelólogo do concello de Narón, quen, baixo o título “A importancia da obra de Fermín Bouza Brey para o celtismo. Revisitando a Vestio Alonieco, nova deidade galaica”, deu a coñecer un eido importantísimo da figura deste gran polígrafo galego que foi Fermín Bouza Brey e a importancia dos estudos de Bouza Brey na concepción do celtismo.

 

Esta conferencia, presidida polo alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, acompañado do concelleiro de Cultura do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, quixo afondar, como se vén facendo cada ano, nunha parcela máis da obra deste polígrafo, quen ademais de escritor foi etnógrafo ou historiador, disertando André Pena sobre a importancia dos estudos de Bouza Brey e dos homes do Seminario de Estudos Galegos e do Grupo Nós na concepción de Galicia como orixe do celtismo.

Ademais da disertación deste gran coñecedor e estudoso de Bouza Brey, o público asistente puido gozar de poemas como “Nao senlleira”, de Bouza Brey na voz de “Bruxo Queiman”e a interpretación musical de Ana Pousa, cantante tomiñesa que deixou marabillado ao público asistente ao acto coa excelencia da súa voz na interpretación, entre outras,  de “Negra Sombra”, de Rosalía de Castro.

Segundo palabras do edil de Cultura, o Concello de Ponteareas aposta decididamente pola difusión e posta en valor dun dos seus ilustres pontearáns a través de distintas iniciativas como é o Premio de Investigación Fermín Bouza Brey, convocado polo Museo Municipal; as xornadas e achegamento aos escolares de ESO dos centros de Ensino de Ponteareas, levadas a cabo polo Servizo de Normalización Lingüística, e que deron comezo o día 17 de marzo e terán continuidade durante o mes de abril, ou as conferencias dirixidas ao público en xeral, organizadas pola Biblioteca e Museo Municipal coas que se trata de dar a coñecer ao público en xeral a figura do insigne ponteareán don Femín Bouza Brey, a quen a cultura galega lle debe tanto en moitas ramas de distintas sabedorías, ademais da súa contribución á literatura.