O goberno valora “moi positivamente” a reunión do PXOM e prevé pechalo nas vindeiras semanas

Os diferentes grupos emprazáronse para outro encontro o próximo 23 de decembro no que se tentará acadar consenso definitivo

A comisión de Urbanismo celebrada o pasado mércores, 16 de decembro, na Casa do Concello de Ponteareas serviu para corroborar a vontade da maioría dos grupos da corporación de pechar de forma inminente o o Plan Xeral de Ordenación Municipal.

No encontro, que contou coa presenza do equipo redactor, o goberno presentou unha proposta para solucionar a situación de estancamento na ordenación dos terreos do Centro Artístico Sportivo e outros lindantes. A proposición do executivo permitiría o uso do aparcamento e deixaría a porta aberta a unha ordenación futura das parcelas que lindan co Centro Artístico Sportivo para levar a cabo diferentes actuacións.

Tanto o grupo municipal de ACiP como o do PP comprometéronse a estudar a proposta e dar unha resposta definitiva o vindeiro mércores, 23 de decembro, nunha comisión de Urbanismo que se agarda sexa a definitiva. O goberno municipal valora “de xeito moi positivo a atitude da oposición e a vontade de acordo da maioría dos grupos”.

A reunión de onte tamén puxo de manifesto que non existen discrepancias en relación ás áreas industriais que xa están previstas no Plan.

O documento final que se presentará en breve no pleno municipal incorporará ademais algunhas melloras como a reserva de 30.000 m2 para uso deportivo na estrada de Guillade, no límite entre a vila e a parroquia de Fontenla, gañando espazos públicos e zonas verdes en ámbitos próximos á rúa Trobador Xoán García de Guillade.