O goberno traslada ao empresariado os recortes da Xunta no PXOM

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de urbanismo, Chus Garrote, reuníronse onte co empresariado para dar a coñecer o impacto nos ámbitos industriais dos recortes impostos pola Xunta no PXOM. Ambos os dous aproveitaron para transmitir o seu descontento e desacordo coa decisión do goberno galego de modificar e recortar o Plan aprobado por PP, BNG e PSOE en 2016.

O Alcalde recordou que “nós cumprimos coa nosa obriga e a nosa promesa de aprobar o plan e agora a última palabra tena a Xunta porque así o establece a lei”.

Coas instrucións da Xunta o polígono industrial da Lomba pasa de 604.462 m2 a 474.356 m2, unha redución que, segundo Represas e Garrote, a Xunta incluso pretendía, inicialmente, que fora superior.

No intercambio de opinións entre os representantes municipais e os empresarios houbo amplo consenso á hora de preferir o plan imposto pola Xunta antes que seguir sen PXOM. Un dos empresarios explicouno graficamente:  “A Xunta fíxonos un traxe que non nos queda ben, pero non podemos mercar outro, temos que amoldarnos e aprobar canto antes o plan. Despois xa iremos adaptando o traxe”. Outros ofrecéronse a actuar conxuntamente co goberno para que a Xunta aprobe definitivamente o plan urbanístico.

Todos coincidiron na necesidade de dar seguridade xurídica aos empresarios e emprendedores, para que as súas actividades non se vexan ameazadas por ordes de peche ou demolición e poder atraer novos investimentos. Neste sentido, goberno e empresarios ven positivo que coa inminente aprobación do Plan se poderán regularizar as empresas do polígono da Lomba e de varios minipolígonos de parroquias como Areas, Arcos, Moreira, Bugarín ou Xinzo aos que se deu solución no Plan aprobado polo Concello e que a Xunta respectou.

Mañá xoves día 29 o goberno darase cita con todos os colectivos veciñais ás sete da tarde no auditorio municipal para coñecer, ao igual que o empresariado, o documento do PXOM coas imposicións da Xunta de Galicia.