O goberno reunirase con todos os colectivos que presentaron alegacións ao PXOM

O encontro terá lugar o vindeiro xoves 28 de xaneiro e servirá para dar conta ante estes grupos do resultado final do documento

O executivo municipal manterá unha reunión con todos os colectivos ou asociacións que presentaron alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A xuntanza, que se producirá no Salón de Plenos da Casa do Concello e dará comezo ás 20:00 horas, permitirá que o goberno explique a todos estes grupos cal é o resultado final do documento antes de que se presente no Pleno Municipal para a súa aprobación provisional.

Trátase dun dos compromisos adquiridos pola concelleira de Urbanismo, Chus Garrote, e polo propio alcalde, Xosé Represas, e que xa fora adiantado no pasado mes de xullo de 2015 por ámbolos dous representantes. A reunión permitirá dar conta das alegacións que foron atendidas (a meirande parte delas) e daquelas que non se estimaron (neste caso por limitacións de carácter técnico ou legal). Asemade, a práctica totalidade das alegacións presentadas para mellorar o texto final do Plan foron estimadas favorablemente.

Tal e como se indicou recentemente, o goberno contestará por escrito a todas e cada unha das alegacións presentadas ao Plan unha vez sexa aprobado pola maioría da Corporación Local, pois a Lei do Solo de Galicia establece que as alegacións presentadas ao PXOM dun determinado concello deben ser estimadas ou desestimadas polo Pleno da Corporación Municipal, previo informe do equipo redactor do Plan, no momento da aprobación definitiva do documento. O Pleno é o único órgano competente nesta materia.

O documento que se presentará é froito das modificacións levadas a cabo en relación ao indicado en diferentes informes sectoriais e recolle as mudanzas propostas polo actual executivo para ofrecer solucións a determinadas cuestións que levaban meses paralizadas no entorno do casco urbano. Todos os grupos políticos que forman a corporación ponteareá na actualidade teñen o documento á súa disposición dende o pasado venres, 22 de xaneiro.