O goberno presenta o estudo que pretende modernizar o Mercado Municipal

sdr

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, xunto á consultora Rural Consulting, presentaron antonte aos profesionais da Praza de Abastos o estudo co que se pretende modernizar este equipamento comercial municipal.

Os traballos de análise desenvolvéronse durante varios meses e nel participaron clientela, praceiros e praceiras, comerciantes da zona e persoas que non acuden ao mercado. Mediante diferentes encontros participativos detectáronse as causas que atraen e afastan aos consumidores do Mercado Municipal, as demandas da clientela e as necesidades dos profesionais.

O estudo conclúe que o Mercado Municipal ten un grande potencial, pola súa ubicación céntrica, polas amplas instalacións, a tradición de consumo, especialmente do peixe como produto estrela, ao que agora se suman outros negocios que apostan polo produto local. A isto débese engadir a existencia en Ponteareas dun amplo sector de poboación nova, interesada na gastronomía e na saúde alimentaria e que demanda produto de calidade e local, un produto que pode e debe ser ofertado na Praza de Abastos.

Malia ese potencial, o estudo advirte do serio risco que corre o futuro do Mercado Municipal se non se actúa nin se moderniza. As grandes áreas comerciais e o cambio de hábitos nos consumidores supoñen unha ameaza para a Praza de Abastos se esta non innova e introduce importantes cambios e melloras nas instalacións, na súa organización interna, na presentación dos produtos e na captación de novos negocios que se adecúen ás demandas actuais dos potenciais clientes.

Para abordar ese novo futuro do Mercado Municipal o goberno prevé aprobar un plan de mellor e un novo regulamento da Praza de Abastos para mellorar a súa xestión, captar axudas da Xunta de Galicia e incorporar novos negocios, así como asesorar e formar a todos os profesionais do Mercado introducindo novas tecnoloxías e melloras nas instalacións que convertan ao Mercado Municipal nun espazo comercial moderno e atractivo, merecente do recoñecemento de mercado de excelencia que outorga a Xunta de Galicia.