O goberno pide á Xunta a inmediata suspensión da aplicación de Glifosato nas estradas

O goberno de Ponteareas solicita á Xunta de Galicia que deixe de utilizar nas estradas de titularidade autonómica do territorio municipal de Ponteareas o produto glifosato como herbicida para limpar as cunetas das estradas ao consideralo altamente contaminante.

Segundo explica o Concelleiro de Medio Ambiente e Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, a solución que emprega a empresa contratada pola Xunta de Galicia é nociva para o medio natural prolongándose os seus efectos durante varios anos. 

A substancia empregada por esta empresa queima todo tipo de herbas sen distinción e dana non so o solo se non tamén a fauna que vive nesa zona. 

Mentres que no informe da empresa asegúrase que a perigosidade xeral é baixa ao igual que na fauna terrestre e na fauna acuícola, o goberno atopa informes da propia empresa fabricante do produto que advirte da toxicidade para persoas (podendo provocar irritación ocular grave) e para organismos acuáticos con “efectos duradeiros” provocando a longo prazo efectos negativos no medio ambiente acuático. 

Ademais, nun informe no propio Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, recomenda deixar un prazo de ao menos sete días antes facer circular a auga pola zona tratada e aplicar despois da floración.

No informe da empresa remitido ao concello asegúrase que “dada a baixa toxicidade dos produtos a empregar e na citación expresa nas fichas de seguridade dos produtos de ausencia de prazos de seguridade non será necearia a sinalización da zona ni ningún tipo de restrición de paso de persoal na zona de tratamento. En cambio, no informe do ministerio adianta que se debe agardar ao secado e que se debe manter unha franxa de seguridade de cinco metros  ata as masas de auga superficial para protexer os organismos acuáticos, prestando moita precaución aos márxenes de regos.

“O goberno da Xunta de Galicia contradí os informes do ministerio ao permitir que empreguen esta substancia que tantas veces estivo baixo observancia e que ningunha outra administración como a Deputación ou estradas do estado emprega tal e como podemos comprobar nos traballos que o Estado realiza estes días na A-52”.

O goberno de Ponteareas recomenda apostar polo desbroce tanto manual como mecánico e advirte que a veciñanza amosa a súa preocupación ante o emprego deste herbicida.