O goberno municipal trasladou as principais necesidades en materia de infraestruturas á Deputación de Pontevedra

Uxío Benítez, encargado da área de infraestruturas da Deputación de Pontevedra, solicitou ao Concello un inventario dos principais puntos negros no viario de titularidade da Deputación dentro do termo municipal

Q55A0933A Deputación de Pontevedra mellorará a seguranza viaria das estradas da súa titularidade en Ponteareas dentro do seu plan de actuación na rede viaria provincial. O deputado responsable de Infraestruturas, Uxío Benítez, solicitou ao alcalde Xosé Represas un informe dos principais puntos negros do viario provincial dentro do termo municipal. “Os concellos son os principais coñecedores dos problemas, por iso queremos que cada servizo municipal elabore un estudo sobre a falta de seguranza viaria en cada zona. Daremos prioridade a esas actuacións”, explicou Benítez.

Sobre a posibilidade de urbanizar algunha das vías provinciais en Ponteareas, Benítez sinalou que se o Concello propón algún proxecto de accesibilidade e mobilidade que siga as liñas estratéxicas da Deputación para dar prioridade aos tránsitos peonís “poderase ter en conta algunha colaboración”.  En calquera caso, explicou que o obxectivo desas actuacións, sobre todo en estradas que comezan e finalizan dentro dun mesmo municipio, é desembocar nunha transferencia para que a xestión e o mantemento da vía pase a depender da Administración local.

Estas declaracións fixéronse no marco das visitas que o deputado responsable de Infraestruturas está a realizar a tódalas instalacións dependentes da Deputación na provincia. Benítez coñeceu así o parque de maquinaria comarcal de Ponteareas, que da servizo a toda a comarca do Condado-Paradanta e se encarga do mantemento, entre outros moitos, dos 37 quilómetros de vías provinciais no concello rexido por Xosé Represas.

Benítez estivo acompañado polo novo asesor da Deputación en materia de mobilidade, Jesús Fole, e indicou que neste mandato haberá un cambio importante na concepción das actuacións en infraestruturas provinciais. Explicou que á hora de executar obras e actuacións se primará a mobilidade peonil e a seguranza viaria para os peóns, “xa que son os principais usuarios das estradas” e se fomentará a colaboración cos concellos en materia de accesibilidade.

En canto á dispoñibilidade de fondos para a realización de melloras, Benítez explicou que no acordo de goberno se deixou claro que se respectará a autonomía municipal. Así, a Deputación eliminará as máis de 50 liñas de actuación e subvención directas que existían anteriormente para pasar a repartir un gran fondo entre os concellos. Serán estes os que decidan en qué gastan a partida única que lles transferirá dende o organismo provincial.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, agradeceu a sensibilidade mostrada polo deputado Uxío Benítez en canto aos compromisos para mellorar a seguranza viaria. Indicou que “hai zonas moi poboadas, sobre todo no núcleo urbano e nas parroquias, que precisan de actuacións urxentes e estamos aquí para abrir unha nova vía de diálogo e entendemento para que nos vindeiros catro anos se dé resposta a demandas de hai tempo. Agardemos que as peticións sexan atendidas”.

En canto a actuacións concretas, Represas puntualizou que as prioritarias deberían realizarse nas catro vías provinciais que cruzan o concello e que axudan a estruturar a conexión entre as parroquias e o núcleo urbano de Ponteareas: a EP-4006 ata As Neves, a EP-4001 ata Guillade, a EP-4005 entre Areas-Alxán-Cabreira (que chega ata Salvaterra) e a EP-2703 cara a Pazos de Borbén.