O Goberno Municipal de Ponteareas reúnese cos veciños en todas as parroquias

O goberno municipal de Ponteareas iniciou a pasada fin de semana unha rolda de reunións en todas as parroquias abertas a todos os veciños e veciñas, que rematará a comezos de decembro.

Segundo o alcalde, Xosé Represas, “as reunións enmárcanse na política de información e transparencia á que se comprometeu este goberno cos ponteareáns. Damos a cara diante dos veciños para explicármonos pero tamén para escoitar opinións, ideas e críticas”.

As reunións teñen como finalidade explicar aos ponteareáns a “difícil situación” na que o novo goberno local atopou o concello, o traballo que se estivo desenvolvendo nestes cinco meses e os obxectivos que o goberno se marca para o vindeiro ano 2016.

Nestas reunións o goberno local está informando sobre os criterios que se están seguindo na elaboración dos orzamentos de 2016 e aproveitando para recadar opinións dos veciños que axuden a mellorar eses presupostos.

As primeiras reunións celebráronse a pasada fin de semana en Prado, Paredes e Arnoso e os vindeiros encontros serán o mércores en San Mateo de Oliveira e o venres en Bugarín.