O acto será o hoxe 20 de febreiro ás 20.30 na sala multiusos do Auditorio Municipal
O Concello de Ponteareas vai presentar o plan de dinamización comercial aos hostaleiros e comerciantes da vila. O fin deste documento é revitalizar o comercio e hostalaría local, elaborado nos últimos meses pola consultora Nortec, especializada neste tipo de traballos. O plan será presentado polo alcalde, Xosé Represas, a nova concelleira de Comercio, Inés Vidal e o responsábel técnico da empresa, Pedro Almendros.
O Plan, que contempla actuacións ata 2019, está estruturado en 6 liñas estratéxicas: accesibilidade, mobilidade e entorno físico do espazo urbano comercial; colaboración público-privada e cooperación empresarial; potenciación do centro da cidade como Centro Comercial Aberto competitivo; modernización e profesionalización co apoio ao comercio, hostalaría e servizos; potenciar a integración e a promoción de zonas como avenida Castelao; e, por último, promoción do Comercio e a Hostalería local, así coma mellora da súa imaxe.
Estas liñas estratéxicas desenvolveranse en até 50 accións concretas, moitas delas responsabilidade directa do Concello, como mellorar o espazo público ou o apoio técnico e económico. Outras son de competencia do propio sector. Unha das medidas innovadoras é a proposta de crear unha Federación ou plataforma do comercio e hostalería.